Presentación dos resultados da cuarta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións
Os resultados da cuarta enquisa sobre o uso que os estudantes da Universidade de Santiago fan das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións presentaranse en roda de prensa este mércores, día 9, na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca a partir das 12:00 horas. No mesmo acto farase entrega de dous ordenadores portátiles e cinco teléfonos móbiles de última xeración aos agraciados no sorteo realizado entre os estudantes que responderon á enquisa.
O reitor da USC, Senén Barro, e o director da Área TIC da institución docente compostelá, Javier Franco, serán os encargados de presentar os mencionados resultados. Na mesma sesión estarán presentes tamén representantes das empresas colaboradoras no sorteo, Vodafone, Universia e a Fundación Caixa Galicia.
A enquisa permite comprobar en qué medida se están a cumprir as liñas estratéxicas que a USC fixou en materia de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións ao tempo que se converte nun instrumento de seguimento e control das accións que neste eido se realizan orientadas ao estudantado. Neste senso, os estudantes foron interrogados sobre equipamento e conectividade, usos de Internet, telefonía móbil, redes e servizos ofrecidos pola USC, coñecementos e formación dos alumnos ou sobre a percepción que teñen das TIC, entre outros temas.