Ir o contido principal

Presentación do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acolle este mércores 26 de novembro a presentación pública do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria galego-español-inglés, coa participación dos autores que colaboraron na elaboración do libro. Será ás 13:00 horas na sala de xuntas do centro.
O acto correrá a cargo da secretaria xeral da USC, Isabel García Rodeja-Gayoso, que estará acompañada do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o secretario xeral da Consellaría de Medio Rural, Alberte Souto Souto; o subdirector xeral de Gandaría, Francisco Chivite Mosquera, así como da decana da Facultade de Veterinaria, Ana María Bravo, o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala e o coordinador do vocabulario, Xusto Rodríguez.
Este traballo, elaborado por un equipo interdisciplinario de veterinarios e lingüistas, foi promovido polo Servizo de Normalización Lingüística e editado pola Universidade de Santiago co apoio da Consellaría do Medio Rural. Ao remate da presentación distribuiranse exemplares da obra.
Antes do comezo do acto, terá lugar a entrega de premios á calidade dos traballos académicos convocados polo Servizo de Normalización Lingüística aos gañadores dos centros de Maxisterio, Veterinaria e Politécnica de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2008.