Ir o contido principal

Presentación de tres vocabularios de arte en italiano e galego

Docentes da Área de Filoloxía Italiana da USC presentan este martes 13 ás 11.00 horas no Salón de Actos do Centro 'Ramón Piñeiro' para a Investigación en Humanidades (CRPIH) os libros Vocabulario galego-italiano das Belas Artes. Escultura , Vocabulario galego-italiano das Belas Artes. Pintura e Vocabulario galego-italiano das Belas Artes. Arquitectura .

No acto participarán a directora do proxecto de vocabularios e catedrática de Filoloxía Italiana da USC, Isabel González; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o coordinador científico do CRPIH, Manuel González, e o director de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés.

A publicación destes tes volumes responde ao cada vez maior número de alumnos italianos que estudan arte na Universidade compostelá e de graduados que deciden especializarse nunha rama deste campo en Italia. Os vocabularios pretenden proporcionar así unha ferramenta útil non só aos profesionais do sector senón tamén a profesores, estudosos e estudantes da especialidade de Arte.

“Coma sempre, os traballos do noso grupo (Dicionario Italiano-Galego, Vocabulario Galego Italiano da Hostalaría e Vocabulario Galego-Italiano da Gastronomía) son, ao igual que os que presentamos este martes, unha novidade xa que poñen en contacto por primeira vez o galego co italiano nestes eidos”, explica a profesora González. “Non en van, somos pioneiros en traballos lexicográficos que tratan as linguas italiana e galega conxuntamente, o que no futuro pode ser referencia e modelo para posteriores estudos abordando outras linguas de especialidade”, conclúe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2017.