Presentación do web da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento
As universidades galegas puxeron en marcha en 2014 co apoio económico da Dirección Xeral de Relacións Externas e coa Unión Europea da Xunta de Galicia a Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD). Nunha primeira fase, as institucións promotoras elaboraron unha diagnose para coñecer o punto de partida nesta materia e crearon un portal Web (www.rgcud.gal) que servirá de ferramenta para visibilizar toda as actuacións que teñen en marcha as universidades no eido da cooperación e potenciar o xurdimento de sinerxías que melloren o impacto das actuacións. O web presentarase este martes 12 nunha rolda de prensa, ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, na que intervirán o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, e a técnica do Servizo de Integración e Participación Universitaria da USC, Carolina Lodeiro. Asisten ademais á presentación a adxunta para apoio a Residencias, Cultura e Empregabilidade da USC, María del Carmen Segura Iglesias; o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernandez Iglesias; e a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación da UDC, Natalia Álvarez Lata.