Presentación do XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC
A vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, presentará este xoves, a partir das 11.30 horas, o XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, no marco dun acto que se desenvolverá no salón de plenos do Concello de Lugo. A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo; o deputado delegado das áreas de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, tamén intervirán nesta sesión de presentación.
A programación do XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC achegará ao público lucense as producións de catro compañías de danza, tres delas dependentes directamente á institución académica compostelá, tales como son as formacións danzaUSCompostela, danzaUSCLugo ou o grupo integrado por persoas inscritas en estudos de IV Ciclo Universitario ‘O 3º Sorriso' , e outra xerminada tamén ao abrigo do Espazo de Danza da USC, pero que xa conta con estrutura independente, como é o caso de ‘Lembranzas’. As compañías convidadas a participar no XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, presentarán as súas respectivas producións na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) os días 22 e 23 de abril, a partir das 20.30 horas. A entrada para as distintas funcións é libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar aforo.