Presentada a Unidade de Visualización Avanzada da USC

O desenvolvemento de producións 3D, incluíndo modelaxe e animación de escenarios e personaxes, captura de movemento corporal, facial e ‘lypsinc’, son os principais cometidos da Unidade de Visualización Avanzada, presentada publicamente este luns 21 no edificio CACTUS. Na presentación, participaron o reitor en funcións Senén Barro; o reitor electo, Juan Casares; o director de Novo Contexto Dixital de Red.es; Antonio Saravia; e o coodinador da Plataforma para Experimentación e Innovación en Contidos Dixitais da USC, Julián Flores. A presentación comezou cunha visualización de vídeos que puxeron de manifesto a capacidade produtiva destes sistemas de captura de movemento, realidade virtual e visualización avanzada. Deseguido, os participantes trasladáronse ao Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC onde asistiron a unha demostración do sistema visual inmersivo Cave Automatic Virtual Environment (CAVE) e de captura de movemento, así de diversos proxectos nos que actualmente se atopan traballando esta unidade. Entre os proxectos dos que se deron conta na presentación figuraban ‘Carrilana Virtual’, un xogo no que se realiza un descenso virtual pola zona histórica dunha cidade galega utilizando unha carrilana real; un sistema de navegación 3D, en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG); ‘Tiraboleiro virtual’, realizado para a exposición Galicia Dixital, recrea o botafumeiro da Catedral de Santiago, que os visitantes poden accionar tirando dunha corda; un simulador naval de baixo custe, no que o usuario se sitúa á fronte da ponte de mando dun buque, incluíndo situacións de navegación e manobras de risco; e un submarino virtual, na que se recrea en tres dimensións unha viaxe virtual ao fondo da ría de Vigo. CIDUS Esta Unidade de Visualización forma parte da estrutura da Plataforma para a Innovación e Experimentación en Contidos Dixitais da USC (CIDUS), concibida para ofrecer servizos de excelencia en I+D+i e capacitación profesional en todas as fases do ciclo de vida dun contido dixital. O CIDUS traballa activamente en colaboración co sector empresarial desenvolvendo proxectos de transferencia de coñecemento e tecnoloxía aos sectores socioeconómicos. O seu deseño tenta contribuír á capacitación profesional especializada no ámbito dos contidos dixitais, a través de accións formativas demandadas polas empresas; promover a transferencia de tecnoloxía innovadora; e establecer unha interlocución permanente co sector de contidos dixitais, axudando á súa planificación estratéxica. O seu ámbito de traballo abarca todo o ciclo de vida dun contido dixital, tanta na súa vertente tecnolóxica (no relacionado coa realidade virtual, realidade aumentada, interfaces naturais, tecnoloxías ubicuas, xestión de activos dixitais ou ambientes intelixentes) como comunicativa (escenarios virtuais, converxencia de medios, gravación 3D estéreo, edición dixital, concepción e narrativa de contidos). Na actualidade, forman parte do CIDUS sete grupos de investigación da USC, todos eles relacionados cos ámbitos das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e das Ciencias da Comunicación. Do primeiro, están implicados o Laboratorio de Sistemas, e os grupos de Sistemas Intelixentes, de Arquitectura de Computadores e de Visión Artificial. Do ámbito das ciencias da Comunicación, colaboran os grupos de Estudos Visuais, Novos Medios e o de Cidadanía e Comunicación. Na Plataforma atópanse integradas ademais da Unidade de Visualización Avanzada presentada, as unidades de capacitación tecnolóxica, de innovación e experimentación en contidos dixitais, de videoxogos e a Unidade v-learning. Mentres a primeira ofrece apoio ás accións de capacitación tecnolóxica, a de innovación e experimentación encárgase da gravación 2D, 3D e 3D estéreo, edición non-lineal, edición dixital de audio e do desenvolvemento de estratexias de deseño e xestión de proxectos de escenarios virtuais, entre outros.
Polo que respecta á de videoxogos, esta traballa no desenvolvemento de prototipos de videoxogos, probas de concepto, novos espazos narrativos e novos interfaces para diferentes tipos de plataforma. Finalmente, a unidade de v-learning traballa no deseño conxunto de actividades de innovación en v-learning, principalmente en cooperación con empresas de creación de contidos virtuais para formación.