Presentada a XXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo

Representantes do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e das entidades colaboradoras na XXIX Semana Internacional de Cine de Autor presentaron este luns en Lugo o programa de actividades que se desenvolverán entre os días 15 e 23 de setembro.
O vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres, acudiu ao acto que se celebrou no Concello de Lugo e aproveitou a ocasión para lembrar que a Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria acolle unha exposición que recompila os carteis presentados ao concurso para escoller o oficial deste evento.
No acto de presentación adiantouse parte do programa, que conta con tres eixes fundamentais: unha homenaxe ao actor Frank Braña, Asturias e a figura de Rafael Romero Marchent. A proxección de películas organízase en diferentes ciclos cada un, dedicado a temas como Infantil, Igualdade, Xacobeo ou Asturias, ademais das seccións oficiais de curtas e longas.