Presentadas catro novas publicacións editadas polo Instituto de Ciencias da Educación
O Instituto de Ciencias da Educación (ICE) presentou este martes 12 no Colexio de Fonseca catro novas publicacións editadas por este instituto da USC. Na presentación, presidida polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos; interviñeron o director do ICE, José Cajide Val; así como os autores das catro obras.
As publicacións presentadas son Educación, enerxía e desenvolvemento sostible, Castelanismos morfosintácticos no galego. Avaliación da competencia do alumnado, A programación didáctica no actual sistema de oposicións, e Contribucións á dimensión europea na formación do profesorado mediante redes de colaboración. Respecto delas, José Cajide Val destacou que se trata de propostas nas que se manifesta a preocupación pola análise de cuestións relacionadas co desenvolvemento económico, a formación do profesorado e sobre a evolución que a educación superior experimentará no espazo europeo. Ademais, o director do ICE lembrou que estes novos libros son a representación dun compromiso de rendementos de contas á sociedade do traballo desenvolvido nas aulas universitarias.
Educación, enerxía e desenvolvemento sostibleCoordinada polos profesores Xosé Manuel Mendoza Rodríguez e Manuel A. Fernández Rodríguez, a obra formula unha nova aproximación á enerxía partindo da consideración de que “ningún outro concepto científico ten hoxe tantas implicacións na vida cotiá como o da enerxía, de aquí que as súas formas, fontes, principios e impacto ambiental sexan na actualidade un factor crucial para o desenvolvemento sostible da sociedade e, sobre todo, para o futuro sostible da propia humanidade”, apuntaron os coordinadores da edición.
A finalidade do libro, en opinión dos seus promotores, é introducir unha nova cultura da educación enerxética entre o profesorado de tal xeito que permita que “os alumnos perciban a necesidade de que todos os países accedan ao desenvolvemento sostible”, o que en termos de enerxía refírese a considerar uns sistemas de produción e uns hábitos de consumo que respalden o desenvolvemento humano a longo prazo en todas as dimensións sociais, económicas e ambientais.
“O alumnado debe aprender a relacionar as eleccións que realiza coas vantaxes e inconvenientes que conlevan”, apuntan os coordinadores da obra. Neste senso consideran que permitir que o alumnado comprenda todos os aspectos dunha determinada fonte de enerxía, dispoñibilidade, beneficios e custes económicos, ambientais e sociais, permitiralles unha toma de decisións máis informada e responsable sobre o uso da enerxía.
Castelanismos morfosintácticos no galegoNeste volume que edita Bieito Silva preséntanse os resultados dunha investigación sobre as interferencias morfosintácticas do castelán no galego no alumnado galego de 4º da ESO.
A pescuda faise a partir de textos que exemplifican as estruturas lingüísticas que adoitan aparecer no uso social do idioma, utilizando varias probas que demandan operacións complementarias como identificar desviacións normativas por influencia do castelán, completar textos susceptibles de presentaren interferencias deste idioma e traducir do castelán ao galego enunciados nos que aparecen esas mesmas estruturas morfosintácticas.
Os resultados deste traballo garanten unha información rigorosa e matizada sobre a colisión entre normas, sobre a penetración dos castelanismos morfosintácticos e sobre a dispoñibilidade de certas estruturas tradicionais do galego no repertorio lingüístico desta poboación. A análise comparada deses datos ofrece unha radiografía da situación actual que permite prever a evolución destes fenómenos no futuro inmediato e tirar consecuencias estruturais, sociolingüísticas e pedagóxicas. O libro organízase en tres capítulos, un referido ao deseño da investigación, outro de presentación de resultados e un terceiro de conclusións.
A programación didáctica no actual sistema de oposiciónsA profesora Mª Elena Sobrino edita esta obra na que se presenta e explica unha programación didáctica coa que contribuír a una elaboración singular e moi persoal que axude ao opositor a alcanzar un bo resultado. Segundo sinala a autora, aínda que a proposta tomou como modelo unha programación de primaria para a especialidade de educación musical, o sistema é perfectamente aplicable a outros niveis educativos. De igual xeito, a profesora Sobrino contempla neste libro a construción e emprego de certo tipo de materiais didácticos pouco utilizados polos opositores na defensa da unidade didáctica.
Debido á ampla competitividade das convocatorias de oposición para os distintos corpos docentes, en opinión de Mª Elena Sobrino faise máis necesario que nunca unha excelente preparación das probas de acceso, “sendo preciso tamén renovar os recursos materiais á hora de presentar e defender unha programación didáctica ante un tribunal de oposición”.
Contribucións á dimensión europea na formación do profesorado mediante redes de colaboraciónNeste traballo de José Manuel Vez Jeremias e Xesús Rodríguez preténdese recoller o conxunto de reflexións, valoracións e exemplos prácticos acerca do que supuxeron e poden seguir supoñendo as redes de colaboración no contexto europeo. Neste senso, a obra fai un percorrido polo que teñen sido algunhas da principais redes de colaboración e as súas achegas para os participantes.
“É unha obra que nace con clara vocación de futuro, xa que entendemos que o traballo pode proporcionar pistas que axuden a configurar futuras liñas de acción e cooperación no contexto europeo” sinalaron os coordinadores da edición. Esta dimensión fai que sexa un libro pensado tanto para o profesorado universitario e non universitario, estudantes da Facultade de Ciencias da Educación, e profesionais en xeral que están preocupados coas cuestións europeas da educación.