Ir o contido principal

Presentadas as primeiras dezasete Guías Didácticas da USC

O Servizo de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Cultura promoveron o desenvolvemento do I Curso de elaboración de Unidades Didácticas da USC, cuxo resultado foron unha serie de dezasete unidades didácticas que se presentaron este xoves 27 no Colexio de Fonseca.
Na presentación participaron os vicerreitores de Cultura e de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Elías Torres e Máximo Pló, respectivamente; a profesora e coordinadora do curso Concepción Losada Vázquez; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradas; o director académico do Servizo de Publicacións, Antonio Azaustre; e o profesor Xulio Rodríguez.
Estas dezasete primeiras unidades, relativas a outras tantas materias impartidas polos docentes que participaron no curso, servirán de material de traballo tanto para alumnos como para o profesorado. Neste senso, o I Curso de elaboración de Unidades Didácticas, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Cultura, estaba dirixido exclusivamente a profesores universitarios e persoal docente en formación, co obxectivo xeral de contribuír ao uso do galego ligado á mellora metodolóxica na docencia.
Tanto para o desenvolvemento das unidades como do curso, os organizadores da iniciativa contaron coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación, representada no acto polo seu decano e polo profesor Xulio Rodríguez, facilitando ao profesorado participante unha reflexión sobre a función da docencia, entendida como a de “mediadora ou facilitadora, aquela que no proxecto de aprendizaxe debe axudar ao alumno a reconstruír as súas ideas e o coñecemento”, subliñou o profesor Rodríguez.
Pola súa banda, Lois Ferradas coincidiu coa profesora Concha Losada ao avogar porque o traballo presentado sexa o inicio dun novo camiño a prol do idioma e da reivindicación da calidade na docencia que redunde tanto nos profesores da USC como nos seus alumnos. O decano dixo ademais que se trata dunha iniciativa moderna que sitúa á lingua galega en primeira liña.
Pechando o acto, Elías Torres dixo que estas unidades didácticas permitirán revisar, avaliar e ser moi transparentes na oferta docente aos estudantes ao tempo que abrir un espazo de crítica conxunta. No seu conxunto, o vicerreitor considera que o resultado alcanzado enriquece os niveis de calidade da USC ao tempo que acredita unha mellor consecución dos obxectivos da USC como institución docente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2008.