Presentadas sete candidaturas para a elección do reitor ou reitora da USC
A Comisión Electoral Central acaba de facer pública a proclamación definitiva de candidaturas presentadas ao proceso electoral para elixir ao futuro/a reitor/a da Universidade de Santiago. Son un total de sete candidatos, tres mulleres e catro homes: Pilar Bermejo Barrera, Mercedes Brea López, Juan Casares Long, Lourenzo Fernández Prieto, Jaime Gómez Márquez, Laura Sánchez Piñón e Juan Varela Durán.
Superado este trámite, o martes 20 comeza a campaña electoral que se estenderá ata o próximo 3 de maio. Logo da xornada de reflexión o día 4, as votacións terán lugar o día 5 de maio. Dous días despois, farase pública a proclamación provisional do reitor/a electo/a ou de ser o caso a proclamación de candidatos que concorrerán á segunda volta.
De ser necesaria esta segunda volta a prolongación da campaña electoral nesta quenda será do 19 ao 22 de maio, realizándose a votación o 24 de maio. A proclamación definitiva retrasaríase neste suposto ao 4 de xuño.