Presentado o Dicionario Galego de Pedagoxía

Un total de 176 especialistas, 546 termos ou 626 páxinas son algunhas das cifras que ilustran o alcance do Dicionario Galego de Pedagoxía presentado este luns na Facultade de Ciencias da Educación compostelá. A presentación desenvolveuse no acto presidido polo reitor Juan Casares, ao que tamén asistiron o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o decano da Facultade Ciencias da Educación, Lois Ferradas; Victor Freixanes, en representación da dirección da editorial Galaxia e do equipo coordinador da obra; e os directores da publicacións, os profesores José Antonio Caride Gómez e Felipe Trillo. O novo dicionario contén 546 termos, 142 enciclopédicos e 404 conceptuais a partir dun fondo documental de máis de mil referencias bibliográficas. Este corpo temático articúlase en sete grandes áreas nas que se atende a planificación e administración educativa; política e historia da educación; didáctica e organización escolar, teoría da educación e pedagoxía social; orientación e diagnóstico en educación; métodos de investigación en educación; e documentación e información educativa. Do A ao Z e de xeito rigoroso e accesible, a guíe reúne nun só volume todo o saber sobre as Ciencias da Educación, poñendo en valor o papel da educación na sociedade contemporánea, así como a súa transcendencia nos procesos de socialización, e de formación de cidadáns e profesionais. Ademais, posúe a particularidade de ser a primeira contribución editorial á elaboración dun dicionario neste eido, cun único precedente en 1999 cando saíu á luz o Dicionario de Psicoloxía e Educación, cunha concepción e un perfil temático moi diferente ao que agora se presenta. Segundos os responsables da edición, este volume representa unha das achegas máis relevantes das últimas décadas no ámbito iberoamericano ao coñecemento pedagóxico, salientable pola pluralidade dos enfoques, contidos e disciplinas que nel converxen.