Presentado o libro 'Que aprendimos da catástrofe do 'Prestige?' dos profesores Juan Lema e Juan Garrido
Os profesores Juan M. Garrido Fernández e Juan M. Lema Rodicio presentaron este luns, día 5, o seu libro Que aprendimos da catástrofe do Prestige? nun acto celebrado na sede da Fundación Caixa Galicia en Compostela.
O libro recolle as conferencias do curso que, organizado pola Universidade Internacional Menendez Pelayo e patrocinado pola Fundación Arao, vaise celebrar entre os días 12 e 15 de novembro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.
A aproximación ás conclusións que se poden tirar de todo o proceso relacionado coa catástrofe do afundimento do Prestige abórdanse dun xeito pluridisciplinar tendo en conta aspectos relacionados coa xestión das catástrofes, as consecuencias socio-económicas e de saúde da poboación, as ambientais e os sistemas de tratamento e recuperación.
Os autores do libro son recoñecidos especialistas nos temas abordados ademais de ter realizado tarefas de investigación directamente en aspectos relacionados coa catástrofe.