Ir o contido principal

Presentado o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento para 2011-2015

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 achega para o presente ano 192 millóns de euros
O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 achega para o presente ano 192 millóns de euros

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento estenderase dende este ano ata o próximo 2015, cunha achega para 2011 de 192 millóns de euros. A súa filosofía e particularidades presentounas este venres o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nun acto celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea. O plan encamíñase “a facer unha Galicia competitiva dende o coñecemento”. O financiamento dos exercicios 2012-2015 presentado no Plan evolucionará en función das dispoñibilidades orzamentarias “de acordo coa senda financeira marcada no Plan de Financiamento do Sistema Universitario, no que atinxe aos seus recursos de I+D”. Neste senso, Núñez Feijóo explicou que a investigación e o desenvolvemento “non son unha aposta conxuntural que poida estar sometida ao ritmo da evolución económica, “senón que lle outorgamos un carácter estrutural dende o principio ata o final”. “Dende o principio ao dotalo inicialmente con 1.200 millóns de euros”, proseguiu na presentación o titular da Xunta, “un 45 por cento máis respecto da anterior planificación”. E ata o final, para que ningún exercicio conte con contías inferiores ao exercicio anterior e para incrementalo progresivamente, sinala a administración autonómica, “para que ao final desta década esteamos en condicións de conseguir que de cada 100 euros que invistamos, 3 diríxanse á innovación e ao desenvolvemento”. O esforzo pola investigación e a súa valorización, e o esforzo pola innovación, pivota dun modo determinante nas empresas e nas universidades e resto de axentes do sistema de I+D+i, segundo se recolle no documento presentado este venres. Neste senso, engade o Plan que “a investigación necesita recursos para desenvolverse con calidade suficiente, pero tamén actitude e persistencia en valorizar o coñecemento que produce”. Para o presidente da Xunta de Galicia, “temos a materia prima, un apreciable potencial humano que se reparte nos nosos centros tecnolóxicos, nas nosas universidades, nas institución públicas, e lamentablemente, tamén en moitos investigadores que están fóra desta terra”. “Temos tamén a planificación e os recursos”, afirmou facendo unha invitación “a comezar a engrenaxe e a cooperar para innovar, para innovar para crecer”. Alberto Núñez Feijóo adiantou tamén que todos os recursos da Xunta quedarán unidos nunha única institución, a Axencia Galega de Innovación, “aí estarán os recursos, o órgano administrativo que vele da planificación e da organización, aí estará a responsabilidade ineludible da administración pública coa innovación, coa investigación e co crecemento en Galicia”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2011.