Ir o contido principal

Presentado o simposio 'Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea' a celebrar do 3 ao 11 de novembro

O Instituto da Lingua Galega (ILG), o Departamento de Ciencias da Comunicación e o Consello da Cultura Galega (CCG) organizan o simposio Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea” que, do 3 ao 11 de novembro, se vai celebrar no propio CCG e nas facultades de Ciencias da Comunicación e de Filoloxía. O programa deste encontro presentárono este luns en rolda de prensa os profesores Ramón Mariño, Rosario Álvarez e Ramón Villares.
O simposio achegará estudos contextualizadores aos traballos recollidos no libro Papés d´emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 publicado polo CCG. No acto Ernesto González Seoane e Elisa Fernández Rei presentaron, respectivamente, os libros A lexicografía galega moderna. Recursos e perspectivas e Perspectivas sobre a oralidade, publicados polo CCG e resultado das contribucións de senllos simposios organizados polo ILG.
Tal e como explicou Ramón Mariño Paz, partindo de Papés d´emprenta condenada o simposio proporciona catro novas achegas desde outros tantos puntos de vista. A do historiador e presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández e a do xornalista e editor Victor F. Freixanes. A das Ciencias da Comunicación sobre os inicios da prensa escrita en Cataluña (Jaume Guillamet), Euskadi (Javier Díaz Noci) e Galicia (Xosé Ramón Pousa, Xosé López García e Rosa Aneiros).
Os outros puntos de vista serán os da historia literaria (Anxo Tarrío) e a lingüística (Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez, Ernesto González Seoane, Carme Hermida Gulías, Ramón Mariño Paz e Damián Suárez Vázquez). Os organizadores teñen a intención de que o simposio sirva para presentar publicamente unha boa parte dos traballos que conformarán o futuro volume que completará os Papés d´emprenta condenada. O simposio conta co patrocinio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
Cooperación CCG-ILGA directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, subliñaron a importancia da cooperación entre as dúas institucións, desde a creación do CCG en 1983. Cooperación plasmada nas actividades levadas a cabo e na publicación das actas dos simposios e outras contribucións. Publicacións como as da Serie Lingüística, que dirixen Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo, que poden tamén ser accesibles ou descargadas desde o web www.consellodacultura.org.
Dúas novas publicaciónsA esa serie pertencen os libros Perspectivas sobre a oralidade (do que son editores Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira Fernández) e A lexicografía galega moderna. Recursos e perspectivas (editado por Ernesto González Seoane, Antón Santamarina e Xavier Varela Barreiro), que agrupan os traballos dados a coñecer en anteriores encontros convocados polo ILG.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2009.