Ir o contido principal

Presentan en Guitiriz as diferentes estratexias para xestionar a auga en Galicia

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

As diferentes estratexias para a xestión integral da auga que se levan en Galicia serán o eixo central do curso que se impartirá os días 7 e 8 de setembro na Escola Habanera de Guitiriz dentro da programación da Universidade de Verán 2010. Dirixido polo profesor Tomás Cuesta García e polo investigador do grupo de Investigación Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña Joaquín Suárez López, este seminario contará coa participación dunha ducia de especialistas que desenvolven o seu traballo en organismos e empresas galegas vinculadas coa xestión do ciclo da auga. Nas súas intervencións, os relatores abordarán temas como o subministro da auga potable, a xestión dos recursos hídricos e a súa aplicación no planeamento local, o papel da auga nas estratexias de desenvolvemento territorial ou a gobernanza dos riscos relacionados con ela. Estas sesións teóricas completaranse cunha visita guiada que permitirá aos participantes coñecer en primeira persoa o ciclo integral da auga no concello de Guitiriz. Este curso ten unha carga lectiva de dezaseis horas e conta co financiamento dos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos e de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia. Toda a información sobre esta actividade estival titulada ‘Estratexia na xestión da auga: actuacións en Galicia’ pódese consultar na páxina www.usc.es/cultura/uveran26_10.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.07.2010.