Presentan en Guitiriz as diferentes estratexias para xestionar a auga en Galicia
As diversas estratexias para a xestión integral da auga que se aplican en Galicia serán o eixo central do curso que se impartirá os días 7 e 8 de setembro na Escola Habanera de Guitiriz dentro da programación da Universidade de Verán da USC. A súa inauguración oficial celebrarase este martes 7 a partir das 9:30 horas nun acto que contará coa asistencia ademais dos responsables do encontro, da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín e do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández. Dirixido polo profesor Tomás Cuesta García e polo investigador do grupo de Investigación Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña Joaquín Suárez López, este seminario contará coa participación dunha ducia de especialistas que desenvolven o seu traballo en organismos e empresas galegas vinculadas coa xestión do ciclo da auga.
Nas súas intervencións, os relatores abordarán temas como o subministro da auga potable, a xestión dos recursos hídricos e a súa aplicación no planeamento local, o papel da auga nas estratexias de desenvolvemento territorial ou a gobernanza dos riscos relacionados con ela. Estas sesións teóricas completaranse cunha visita guiada que permitirá aos participantes coñecer en primeira persoa o ciclo integral da auga no concello de Guitiriz.