Presentan no ILG un estudo sobre a formación dos hipocorísticos no español de México

O investigador Juan Bernardo Estrada Hernández, da Universidade de Guanajuato (México), presentou estes días no Instituto da Lingua Galega da USC un estudo sobre a formación dos hipocorísticos –usos de nomes en forma diminutiva ou abreviada que denotan afectividade– no español de México. O seu estudo trata sobre os mecanismos máis usados para crear hipocorísticos (xeralmente palabras bisílabas e de sílaba grave) como o procedemento prosódico (truncamento, elisión da vogal final...), segmental (asimilación, reduplicación, cambios vocálicos...), silábico (elisión de codas complexas) e morfolóxico (adición de -i e -s a final de palabra). Para a realización desta investigación Estrada traballou sobre un corpus de 200 nomes. Na presentación, o investigador mexicano amosou tamén algúns resultados estatísticos que explican a porcentaxe de cada mecanismo e a frecuencia de uso en variables como idade e sexo.