Presentan a programación do Ano Antonio Casares Rodríguez na USC
A USC desenvolverá este curso o Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012), en homenaxe ao douscentos aniversario do nacemento do que fóra reitor da USC e país da Química moderna en Galicia. O reitor Juan Casares, acompañado do decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, e do profesor Manuel Bermejo, ambos os dous integrantes da comisión organizadora do evento, presentarán o programa de actividades en rolda de prensa o vindeiro luns 15. No Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, ás 12.00 horas, na presentación está prevista a presenza dos restantes integrantes da comisión organizadora, os/as decanos/as das facultades de Farmacia, Mª Isabel Sandez Macho; Bioloxía, Mª Luz González Caamaño; Química, Ramón Estévez Cabanas; Matemáticas, María Victoria Otero Espinar; e Física, Luis M. Varela Cabo; centros cos que Antonio Casares mantivo algún tivo de vinculación durante a súa etapa universitaria e que concentrarán os principais eventos no marco da conmemoración dos seus respectivos patróns de centro. O programa de actividades arrancará o mesmo luns 15 coa conferencia do médico especialista en anestesioloxía Vicentes Ginesta que falará na Facultade de Medicina da relación de Antonio Casares coa anestesia. O programa de actividades deseñada para este ano inclúe un ciclo de conferencias, así como unha exposición, un simposio, a presentación dun volume conmemorativo ou charlas e mesas redondas nos distintos centros cos que o químico mantivo relación.