Ir o contido principal

Presentan en Santiago unha metodoloxía apoiada ‘na nube’ dirixida ás escolas rurais europeas

Na conferencia final do proxecto europeo Rural School Cloud

O proxecto europeo Rural School Cloud, do que xurdiu unha metodoloxía educativa apoiada na tecnoloxía iCloud (nube) adaptada ás necesidades das escolas rurais europeas, celebra este sábado na USC a súa reunión final. O resultado da investigación testouse en escolas rurais galegas, gregas, danesas, inglesas, macedonias e italianas con resultados importantes na colaboración entre profesorado (itinerante) e escolas, na coordinación familia-escola e na mellora do rendemento escolar e das competencias TIC do alumnado de infantil, primaria e secundaria obrigatoria.

En España Rural School Cloud é responsabilidade do grupo de Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago que lideran as profesoras Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández Morante e do Cesga, con Maria José Rodriguez Malmierca.

Á conferencia final, que terá lugar este sábado a partir das 9.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, acudirán máis dun cento de docentes galegos e europeos, investigadores e técnicos do proxecto, futuros profesores e lexisladores educativos. Alí presentaranse as experiencias de dous anos de traballo “na nube” en seis países europeos e o produto final do proxecto: a Guía ‘Aprendendo na Nube’, que inclúe o software desenvolvido (nubes escolares).

A xornada ‘Escola, aprendizaxe e colaboración na nube’ será un evento gratuíto para as persoas inscritas e aberto á participación activa desde todo o mundo a través de streaming en directo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2015.