Ir o contido principal

Presentáronse en Moaña os catro cursos da USC que acollerá o seu Campus de Verán

A Universidade de Santiago desenvolverá no mes de xullo catro cursos de verán en Moaña, nos que se analizarán cuestións tan diversas como as mulleres do mar, as enerxías renovables na construción, a medicina do século XXI e a actividade fabril e industrial na Ría de Vigo.
Os cursos deste Campus de Verán da USC presentáronse este venres na Casa do Concello de Moaña nunha rolda de prensa na que participaron o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e o alcalde Xosé Manuel Millán. Asistiron tamén algúns dos responsables dos cursos, os profesores José Antonio Costoya, Víctor Arce e Gonzalo Rodríguez.
As mulleres do marDirixido por Mª do Carme García Negro, entre o 8 e o 11 de xullo, o curso ‘As mulleres do mar’ profundará nas características do papel da muller no sector pesqueiro desde a perspectiva de xénero. Trátase de estudar os obstáculos que impiden o seu progreso, mellorar as estruturas das que dispoñen, buscar novas iniciativas e as accións necesarias para lograr un maior recoñecemento, tanto xurídico como social e respaldar os seus esforzos para garantir os seus dereitos sociais e económicos.
En definitiva, debaterase sobre as medidas necesarias para eliminar as barreiras administrativas e sociais que impiden a plena participación e o avance das mulleres no sector pesqueiro, en todas as súas áreas, especialmente no empoderamento e fomento do espírito empresarial.
Entre ASCON e PESCANOVANo curso ‘Entre ASCON e PESCANOVA: construción naval, pesca de gran altura e conxelado en Galiza’ preténdese retroalimentar a actividade de investigación que está a ter lugar actualmente en Moaña e na ría de Vigo sobre a actividade fabril e industrial na ría de Vigo entre 1930-1980, e singularmente entre 1960-1985, período especialmente dinámico pola implementación de novas técnicas de construción naval e de pesca que resultaron de importancia decisiva para o devir da historia industrial de Galiza, divulgando unha fase e unha área da historia industrial de Galiza bastante descoñecidas.
Ao mesmo tempo trátase de facer partícipes do curso, dirixido por Xan Carmona Badía e Jesús Giráldez Rivero, a moitos dos protagonistas vivos dos procesos investigados, así como á sociedade civil. Celebrarase do 21 a 23 de xullo.
Enerxías renovábeis na construción e a Medicina do século XXIAdemais deses dous cursos, en Moaña terán lugar outros dous seminarios de menos de 30 horas cada un. Por unha banda, Ángeles López Agüera e Óscar Perpignan dirixen o titulado ‘Aplicación das enerxías renovábeis na construción’ que se desenvolverá os días 14 e 15 de xullo.
Pola súa banda, Víctor Arce Vázquez e José Costoya Puente dirixen ‘Cara á Medicina do século XXI: novos retos, novas respostas’, do 16 ao 18 de xullo. O seminario abordará os principais avances que se están a acadar na actualidade naqueles ámbitos da Medicina de gran relevancia na sociedade dos nosos días. Á súa vez, proporcionará un foro de discusión sobre os retos que esta terá que afrontar cara o futuro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2008.