Ir o contido principal

Preséntase na EPS o Grao en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias

O presidente de Feiraco falará nunha conferencia de innovación e competitividade

O Grao en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias presentarase este xoves, 9 de setembro, na Escola Politécnica Superior de Lugo nun acto público no que o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña Álvarez, pronunciará unha conferencia. Será ás 12:00 horas na Sala de Xuntas da Escola cando Antuña, presidente ademais do Clúster Alimentario de Galicia, fale sobre clusters, innovación e competitividade. Logo da conferencia, sobre as 12:30 horas, intervirá o director da EPS, Javier Bueno Lema, para explicar os detalles do Grao que comeza a vindeira semana. No acto participa tamén o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón. José Luis Antuña José Luís Antuña desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional no sector lácteo. Foi director xeral da Corporación Alimentaria Peñasanta S.A., CAPSA, na que pilotou a transformación dunha empresa láctea de base cooperativa nunha compañía líder do sector en España, en base á innovación e ao posicionamento de marca. Chegou a Feiraco para implantar un plan de viabilidade que garanta o futuro da compañía, orientando aos socios produtores lácteos de Feiraco cara a súa transformación en explotacións gandeiras de calidade, rendibles e sostibles, que cumpran as políticas e normativas da Unión Europea e que poidan pervivir como actividade económica no tempo. Ten posto en marcha ademais procesos de innovación baseados nas propiedades saudables dos alimentos, mediante a cooperación con universidades e centros tecnolóxicos galegos e estatais, polo que Feriaco recibiu o Premio Europeo á Innovación Cooperativa en 2009.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2010.