Preséntase esta tarde en Filoloxía a Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da USC
As persoas asistentes ao congreso internacional ‘Valle-Inclán e as artes’ terán esta notiña, ás 20.30 horas no Salón de Graos de Filoloxía, a oportunidade de coñecer a Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da USC nunha presentación dos volumes a cargo da directora da Cátedra, Margarita Santos Zas; o autor do último - Iconos de la tiranía. La recepción crítica de Tirano Banderas-, Dru Dougherty, profesor da Universidade de Berkeley (California); e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. A Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da USC é editada dende 2003 polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. Dirixida por Margarita Santos Zas, conta cun consello editorial integrado por recoñecidos vallenclanistas e investigadores doutros ámbitos da literatura. A biblioteca, que conta con seis volumes publicados, distingue dúas liñas editoriais. Por unha banda, os estudos sobre a figura e obra do escritor así como o seu contexto histórico-cultural iniciados coa monografía de Virginia Milner Garlitz El centro del círculo: "La Lámpara Maravillosa". Por outra, os textos do escritor, con especial énfase na edición facsimilar de manuscritos valleinclanianos, serie inaugurada co autógrafo do conto Mi Bisabuelo (2007) a cargo de Jorge Devoto del Valle-Inclán. Precisamente en 2007 a USC asinaba coa familia Valle-Inclán/Alsina un acordo polo que a Cátedra pode acceder ao legado manuscrito do escritor para o seu estudo e posterior publicación en edicións facsimilares. O arquivo contén máis de 5.000 páxinas autógrafas de obra inédita e editada, ademais de 700 cartas, que irán vendo a luz paulatinamente.