Ir o contido principal

Preséntase Granxafamiliar.com, un sistema de xestión de información para a comercialización de produtos agrarios de orixe familiar

O Concello de Lalín adhírese este venres ao proxecto

O Grupo de Investigación GIS-T Idega da USC comezou a traballar en 2007 nun sistema de xestión de información denominado Granxafamiliar.com para impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego e de forma experimental nos Concellos de Brión e Antas de Ulla, entre os socios da Cooperativa Feiraco e a través de granxas emprendedoras asociadas ao proxecto ‘Ferrados’ de Cáritas Diocesana de Santiago.
Este venres, día 13, sumarase a este proxecto o Concello de Lalín mediante a sinatura dunha adenda ao convenio orixinal que en xullo de 2007 subscribiron as institucións participantes para a súa posta en marcha.
A sinatura do convenio de adenda terá lugar este venres ás 12:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome e nela participarán o reitor da USC, Senén Barro; os alcaldes de Lalín, Brión e Antas de Ulla, Xosé Crespo, José Luis García e Javier Varela, respectivamente; o presidente da Fundación Feiraco, Jesús García Calvo; o director da División de Organismos de Caixa Galicia, Andrés Cuns; e o director de Cáritas Diocesana de Santiago, José Severino. Asiste tamén o director xeral de I+D, Salustiano Mato.
Todos eles, unha vez asinado o convenio, explicarán as claves desta comunidade virtual entre o mundo rural e urbano, que impulsa as transaccións comerciais e a compra-venda da produción tradicional de autoconsumo familiar existente no medio rural galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2008.