Preséntase en Lugo o espazo web ‘Proxéctate en galego’ para a potenciación do uso do galego no ámbito académico e científico
O luns 17 a partir das 12.30 horas preséntase na Casa do Saber da Vicerreitoría do Campus de Lugo a iniciativa Proxéctate en galego. O acto de presentación, aberto ao público en xeral, contará coa presenza do catedrático da USC e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; e as profesoras da USC e membros das comisións de normalización lingüística Marta López (Facultade de Veterinaria) e Mar Pérez Fra (Escola Politécnica Superior) Proxéctate en galego é unha iniciativa que xorde das Comisións de Normalización Lingüística do Campus e Lugo e que, segundo os seus promotores, “pretende mostrar o galego como unha oportunidade, unha lingua viva e dinámica”. Neste espazo pódense atopar colectivos e persoas que xa descubriron que o galego lles permite conseguir novas metas nos seus respectivos ámbitos, así como acceder a un amplo repertorio de ferramentas TIC e materiais na rede desenvolvidas tanto por entidades públicas como asociacións e iniciativas persoais”.