Ir o contido principal

Preséntase en Lugo a guía para o fomento dun uso non sexista da linguaxe dentro da comunidade universitaria

A vicerreitora Benita Silva, segunda pola dereita, inaugurou a mostra ‘Non ten nome!’ en Veterinaria, onde se poderá visitar ata o vindeiro día 27
A vicerreitora Benita Silva, segunda pola dereita, inaugurou a mostra ‘Non ten nome!’ en Veterinaria, onde se poderá visitar ata o vindeiro día 27
O acto serviu tamén para a inauguración oficial da exposición itinerante ‘Non ten nome!’, unha reflexión en clave humorística sobre a relación entre lingua e igualdade

A sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acolleu o acto de presentación da guía Criterios de linguaxe non sexista, elaborada polo Servizo de Normalización Lingüística e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC e na que se achegan unha serie de propostas e recomendacións para un emprego da lingua respectuoso coa igualdade entre xéneros.

Na rolda de prensa participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo; e Manuel Bermúdez Blanco, técnico do Servizo de Normalización Lingüística e un dos autores do documento.

A guía, dirixida a toda a comunidade universitaria, presenta unha serie de casos habituais na comunicación interna e externa dunha institución como a USC, tanto no seu plano formal como na súa vertente máis cotiá. Para cada situación achéganse as solucións máis respectuosas desde a perspectiva da igualdade de xéneros, sen que iso repercuta na claridade da mensaxe ou na súa eficacia comunicativa. O texto está concibido como un apoio no labor de redacción e creación textual, en especial para as persoas con responsabilidade na difusión de información institucional. O obxectivo que se persegue é fuxir do tradicional uso do masculino como xénero que integra ambos os dous, o que invisibiliza as mulleres e a súa presenza na sociedade, para o que adoita abondar con adaptacións tan sinxelas como substituír ‘os alumnos’ por ‘o alumnado’ ou ‘os traballadores’ por ‘o cadro de persoal’. Exposición ‘Non ten nome!’ A presentación da guía serviu como acto de inauguración da exposición itinerante ‘Non ten nome!’, cedida polo Centro de Estudos da Muller da Universidade de Alacante. Trátase dunha serie de 30 viñetas da artista Diana Raznovich que buscan, mediante unha proposta non exenta de comicidade, a sensibilización e a reflexión dos espectadores sobre as relacións entre lingua e igualdade. Os textos que acompañan as viñetas son obra de Elena Simón Rodríguez, lingüista e experta en igualdade de xénero. A exposición, que xa se presentou nos diferentes campus composteláns durante este mes de febreiro, pecha o seu percorrido polas instalacións da USC en Lugo, onde se poderá visitar ata o próximo luns, día 27.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2012.