Ir o contido principal

Preséntase este mércores en Lugo o XIX Maratón Fotográfico do Campus

A actividade, organizada pola Área de Cultura da USC, está incluída na programación do convenio Lugo Cultural 2013

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presentará este mércores, a partir das 11.30 horas, na sala de prensa da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o XIX Maratón Fotográfico do Campus, unha actividade organizada pola Área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela e incluída na programación promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural 2013 que se desenvolverá o vindeiro 9 de outubro.

A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga Outeiro, e Eduardo Ochoa, fotógrafo lugués pertencente ao Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, tamén participarán na rolda de prensa de presentación da décimo novena edición do Maratón Fotográfico do Campus. O Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, unha cita aberta á participación de fotógrafos e afeccionados de dentro é fóra da comunidade universitaria, constitúe unha das actividades con consolidadas e con maior éxito de participación de todas as que se promoven ao abeiro do programa Lugo Cultural, un convenio no que na actualidade están representados, ademais da Universidade de Santiago de Compostela, o Concello e a Deputación de Lugo. O Maratón Fotográfico do Campus, en cuxa organización tamén colabora o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, contou na pasada edición de 2012 cun total de 64 persoas inscritas. Do mesmo xeito que en convocatorias anteriores, o obxectivo da décimo novena edición do Maratón Fotográfico do Campus, é que todas as persoas participantes busquen e intenten captar durante a xornada do próximo 9 de outubro a imaxe que mellor represente e resuma os temas propostos pola organización.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2013.