Ir o contido principal

Preséntase oficialmente en España o Consorcio Europeo de Lipodistrofias

Máis de 30 grupos de investigación conforman o Consorcio Europeo de Lipodistrofias (European Consortium of Lipodystrophies-ECLip) que este martes, 2 de abril, se presenta oficialmente en España. A presentación, que coincide co Día Mundial das Lipodistrofias, terá lugar ás 12.00 horas na Aula Magna José Varela de Montes do Pavillón Docente Novoa Santos (a carón do CHUS) coa participación do reitor Juan Casares Long; do xerente de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde; do director do CIMUS da USC, Carlos Diéguez; do director do IDIS, José Castillo; do presidente da Federación Española de Enfermidades Raras, Juan Carrión; e da presidenta da Asociación Española de Lipodistrofias, Naca Pérez. Será o coordinador de ECLip, o profesor da USC David Araújo-Vilar, o encargado de presentar ás 12.30 horas esta rede de grupos de investigación clínica e básica nestas patoloxías infrecuentes. Como explicará, aínda que a característica clínica máis salientable é a perda de tecido adiposo, nestas doenzas adoitan aparecer diabetes mellitus, dislipemia e fígado graxo. Por outra banda, algúns subtipos de lipodistrofias, moi raros, son especialmente graves xa que levan a un proceso de avellentamento prematuro. Logo da presentación do consorcio, o profesor da Universidade de Cambridge (Reino Unido) David B. Savage ofrecerá a conferencia ‘Lipodistrofia: os perigos da vida sen graxa’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.04.2013.