Ir o contido principal

Preséntase a quinta edición do ciclo formativo Teateatre

O vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior da USC, Jesús Casabiell, participa este xoves 25 na presentación da V edición do ciclo formativo Teateatre, organizado conxuntamente polo Concello de Lugo, a USC, a Escola de Arte e Lecer e Palimoco Teatro e que terá lugar ás 12:15 horas no propio Concello.
No acto participarán tamén a concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo; a directora de Palimoco Teatro, Paloma Lugilde; e o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao.
Esta quinta edición do Teateatre oferta tres cursos de formación dramática para profesionais e afeccionados co obxectivo de servir de foro de encontro, formación e creación para actores e ‘amateurs’ do teatro.
Os cursos desenvolveranse durante os meses de xullo na Aula de Teatro da USC (Aulario de Veterinaria) e no Centro Social Municipal de Fingoi. A reserva de praza realizarase chamando ao teléfono de Palimoco Teatro: 678 797 434 (de 15:00 a 17:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas). O prazo para inscribirse comezará este xoves 25 e permanecerá aberto ata o 8 de xullo ou ata cubrir prazas por rigorosa orde de inscrición.
SeminariosO director de escena e profesor de voz e linguaxe, Vicente Fuentes, impartirá o primeiro dos seminarios, que se celebrará entre o 26 e o 30 de xullo, dedicando a quenda de mañá a traballar o corpo e a voz e a de tarde á realización dun laboratorio de voz no que se tratará a palabra e máis concretamente o verso. Baixo o nome de O corpo da voz, as 45 horas de formación teñen un custe de 160 euros e se celebrarán na Aula de Teatro da USC.
O segundo dos cursos, O vicio de mirar, será impartido por Ana Vallés, directora de teatro e actriz, entre o 13 e o 17 de xullo. Este curso terá un custo de 120 euros e impartirase de 16:00 ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Fingoi.
O derradeiro curso, Entrando na acción: o traballo sobre a acción na técnica de Michael Chejov, será impartido polo actor e director de teatro Carlos Aladro, entre os días 13 e 17 de xullo en horario de 9:00 a 14:00 horas na Aula de Teatro da USC. A inscrición é de 120 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2009.