Ir o contido principal

Preséntase en Santiago o Club de Estudantes Emprendedores da USC

A Cátedra Bancaja de Novos Emprendedores da USC busca socios para crear o Club de Estudantes Emprendedores, una iniciativa que pretende ser un vehículo de atracción dos alumnos da institución docente compostelá cara á cultura do emprendemento dende o primeiro instante en que comezan os seus estudos.
O Club da USC presentarase oficialmente este martes, 1 de decembro, ás 11:00 horas na Aula B da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. No acto participarán o vicerreitor de Política Internacional da USC, Agustín Merino; a decana da Facultade de Económicas, Maite Cancelo; a directora da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora da USC, Loreto Fernández; o presidente da Asociación de Novos Empresarios da Coruña, Daniel Ramos; e o responsable de Cátedras da Fundación Bancaja, José Lledó Gisbert.
Media hora máis tarde terá lugar unha actividade da Aula de Práctica Empresarial da Cátedra da USC na que Mª Eugenia Fernández, de Arquetipos Consultores, falará da importancia da formación en competencias e habilidades profesionais como valor engadido ao currículo universitario e Víctor Gómez Romero, de Q-Coach, explicará o Outdoor training como complemento á formación en habilidades directivas.
O acto rematará cunha conferencia do presidente de Blusens, José Ramón García, en calidade de padriño do Club de Estudantes Emprendedores da USC, que leva por título ‘O emprendedor, ¿nace ou faise? A experiencia Blusens’.
Vantaxes do ClubOs estudantes da USC que formen parte do club obterán un carné acreditativo que lles outorga preferencia de inscrición, e gratuidade en moitos dos casos, nas actividades que organice a Cátedra. Ademais, entrarán na Bolsa de Traballo Emprendedores USC, que estará a disposición das empresas que o demanden para procesos de selección de persoal contratado ou en prácticas.
Os socios poderán tamén optar ao Premio ao Mellor CV Emprendedor que convocará a Cátedra da USC a finais de curso.
Os interesados deberán cubrir un formulario de rexistro que atoparán no web da Cátedra (http://www.catedrabancaja.zobyhost.com/), co único requisito de estar matriculado oficialmente na USC no curso académico 2009-10.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2009.