Presentouse na USC a primeira monografía arqueolóxica sobre o exército romano no noroeste peninsular

O Paraninfo da Universidade foi o marco escollido polo investigador José Manuel Costa García para defender a súa tese de doutoramento, ‘Arqueoloxía dos asentamentos militares romanos na Hispania altoimperial (27 a. C. - ca. 280 d. C.)’, que supón a primeira monografía arqueolóxica sobre a presenza do exército romano no noroeste peninsular. Aínda que os estudos de arqueoloxía militar romana están en boga dende finais do século pasado, co descubrimento de importantes recintos militares relacionados coas guerras cántabras e a súa inmediata posguerra, a disciplina carecía dunha auténtica monografía actualizada que puxese ao día as diversas información existentes relacionadas coa presenza de continxentes armados durante os primeiros séculos da nosa era. Para iso analizáronse minuciosamente preto dun centenar de xacementos datados entre o reinado do emperador Augusto e os anos finais do século III d. C., entre os que caben destacar os importantes asentamentos galegos de A Cidadela (Sobrado dos Monxes) e Aquae Querquennae (Bande), os máis intensamente explorados pola arqueoloxía ata o momento. Con todo, o traballo que dirixiu a profesora Raquel Casal García é algo máis que un interesante catálogo de xacementos no que se analizan as estruturas e materiais exhumados. Ao longo das súas páxinas é posible atoparse cun preciso estudo da disciplina castrametacional (a arte de construír recintos militares da que facían gala os enxeñeiros e mensores romanos) así como un capítulo dedicado ao procesado do enorme volume de datos resultantes da análise. A aspectos xerais como a clasificación tipolóxica dos asentamentos, o estudo do seu emprazamento xeográfico e a súa disposición no territorio ao longo do tempo, súmanse outros de carácter máis técnico como a modulación, a morfoloxía, a arquitectura militar ou o estudo do seu entorno.
A investigación acadou a máxima cualificación por un xurado composto polos profesores da USC Fernando Acuña Castroviejo e J. M. Caamaño Gesto; I. Rodá de Llanza da Autónoma de Barcelona; S. Carretero Vaquero, da de Valladolid; e Teresa Soeiro, da Universidade de Porto. Este grupo de especialistas valorou “a calidade do texto e o importante apartado gráfico achegado, na súa maioría de elaboración propia, que o converten nunha obrigada e útil obra de consulta non só para os estudosos do exército romano senón tamén para calquera interesado na materia”