Ir o contido principal

A presenza feminina na escritura da Idade Media, a análise nun congreso internacional en Santiago

A presenza feminina na escritura da Idade Media, a análise nun congreso internacional en Santiago
A presenza feminina na escritura da Idade Media, a análise nun congreso internacional en Santiago

Máis de 60 investigadores de todo o mundo daranse cita esta semana en Santiago para indagar desde unha perspectiva de xénero na relevancia social e literaria que adquiriron as mulleres medievais, especialmente a partir do século XII. O congreso internacional ‘A presenza feminina na escritura. Voces de mulleres na Idade Media’ inaugúrase este mércores, 1 de febreiro, ás 10.00 horas no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A investigación sobre a importancia da muller medieval foi tradicionalmente marxinada nos estudos clásicos, supeditada á maior transcendencia histórica dos varóns. Pero ademais das mulleres que cobran relevancia social existe un importante elenco de figuras femininas que compoñen lírica (trobairitz occitanas) e relatos narrativos (María de Francia), que acompañan aos trobadores na súa actividade poética (xograresas e soldadeiras), que son suxeito finxido de composicións líricas ou destinatarias doutras, ao tempo que reciben críticas feroces en pezas satíricas de diferente tipoloxía, sobre todo na última época.

O encontro tratará de examinar o seu protagonismo atendendo ao contexto histórico e á súa representación nos textos literarios, xa sexa como autora ou como protagonista de obras de carácter amoroso (fundamentalmente lírico) e satírico.

Programa
Así pois, ao estudo de voces femininas relevantes como Marie de France ou Christine de Pizan – ambas as dúas protagonistas dos relatorios do acto inaugural– sumaranse ata o día 3 presentacións de recursos dixitais de referencia sobre os estudos das voces de mulleres na Idade Media, tanto desde o punto de vista histórico como literario, ou reflexións sobre as voces de mulleres medievais en disposicións testamentarias, o ensino da Filosofía Medieval en Secundaria desde a perspectiva de xénero, o antirretrato feminino ou as mulleres en ámbitos minorizados como o mozárabe, o musulmán ou o hebreo.

A reunión científica, cuxo comité organizador dirixe a profesora da USC Esther Corral Díaz, enmárcase dentro do proxecto de investigación ‘Voces de mujeres en la Edad Media Románica: realidad y ficción (siglos XII-XIV)’ (MINECO-FFI-2014-55628-P) e, ademais de dar cabida a relatorios impartidos por especialistas de referencia no ámbito internacional, ofrecerá un foro de difusión para a presentación de comunicacións do persoal investigador das áreas dos estudos humanísticos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2017.