Ir o contido principal

A presidenta do PP no País Vasco inaugura en Ciencias Económicas e Empresariais un ciclo que reflexiona sobre a evolución do papel da muller nos últimos 40 anos

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC estrea este martes 12 o ciclo de conferencias ‘A Muller na sociedade e na economía’ a través do que pretende facer unha reflexión da paulatina evolución do papel da muller contemplada dende todas as perspectivas posibles (económica-laboral, educativa, sociopolítica, cultural, tecnolóxica e legal) ao longo dos últimos corenta anos.
A presidenta do PP no País Vasco María San Gil será a protagonista da primeira conferencia prevista que leva por título ‘A aposta dunha muller polo progreso, pola convivencia e pola liberdade’. A sesión comezará ás 12:45 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O ciclo, que coincide coa conmemoración por parte do centro compostelán do 40 aniversario da súa creación, pretende profundar na actual situación sociopolítica, económica e cultura na que a muller adquire cada vez máis un maior protagonismo.
Así, nos últimos corenta anos prodúcese un cambio de valores e de cultura que se soe englobar baixo a denomicación de ‘revolución silenciosa’. A modo de indicador deste cambio resulta ilustrativa a taxa de actividade das mulleres que chega a duplicarse e situarse unhas décimas por debaixo da media europea. A transformación semella froito dunha combinación de factores que oscilan entre a esfera máis pública (políticas públicas para a promoción da igualdade) ata as máis privadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2008.