O presidente do Goberno de España impúxolle a Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica a Gerardo Fernández Albor nun acto na USC

O Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela foi o marco escollido para o acto de entrega da Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica a Gerardo Fernández Albor, que a recibiu de mans do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e quen previamente asinou no Libro de Honra da USC ante a presenza do reitor da USC, Juan Casares, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. A xornada principiou ás portas da Reitoría da USC onde o presidente do Goberno foi recibido polo reitor compostelán; o titular do goberno autonómico; o ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación, José Manuel García-Margallo; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; e o presidente do Consello de Estado, José M. Romay Beccaría, xunto a outras autoridades académicas, políticas, municipais e sociais de Santiago e Galicia. O acto de imposición da Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica contou coa intervención do reitor Juan Casares que abriu a quenda de palabras referíndose á natureza dun acto que “ten tanto de compromiso social como de reafirmación das esencias propias da Universidade”. O reitor destacou a necesidade de subliñar agora estas ideas “cando a ciencia e o coñecemento están perdendo espazo e valor na axenda política deste país, retrotraéndonos a tempos que críamos xa felizmente superados”. Na súa intervención, destacou ademais a figura do condecorado lembrando, entre outros aspectos, a súa participación na constitución do primeiro instituto de investigación da USC, o Instituto da Lingua Galega (ILG), “magnífico reflexo de esforzo investigador e de transmisión de cultura”. Respecto deste centro Juan Casares lembrou as palabras da directora do ILG, Rosario Álvarez, para quen “a investigación en humanidades tamén existe, tamén é necesaria, tamén contribúe ao progreso, tamén achega un coñecemento vital, porque achega luz sobre nós mesmos, sobre quen fomos e quen somos, sobre quen podemos ser”. “A casa do saber de Galicia”, indicou o responsable universitario en referencia á USC, “ produce réditos sociais plasmados en evidencias en todos os ámbitos”, poñendo como exemplo o da política, onde nos dous últimos séculos “deu cinco presidentes do Goberno de España: don José Ramón Rodil y Campillo, don Eugenio Montero Ríos, don Manuel Portela Valladares, don Santiago Casares Quiroga e don Mariano Rajoy Brey, moitos ministros e os cinco presidentes da Xunta de Galicia”. A entrega desenvolveuse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Fotos Santi Alvite Asistiu un numerosa representación da vida política, académica, cultural e social de Compostela e de Galicia. Fotos Santi Alvite Juan Casares e Gernando Fernández Albor saúdanse en presenza de Mariano Rajoy e Alberto Núñez. Fotos Santi Alvite



