O presidente do Instituto de Estudos Torre de Hércules solicita o apoio institucional da USC na campaña a prol da declaración da Torre como Patrimonio da Humanidade

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, recibiu este xoves 10 ao presidente do Instituto de Estudos Torre de Hércules, Segundo Pardo-Ciórraga de Santos, quen lle solicitou o apoio institucional da USC na campaña que esta entidade apoiada polo Concello da Coruña desenvolve para que a Torre de Hércules pase a ingresar na relación de Bens do Patrimonio Mundial da Humanidade da UNESCO.
No encontro celebrado na Reitoría da USC, Segundo Pardo-Ciórraga destacou que a da Torre de Hércules é a única candidatura que o Estado español presenta este ano á Unesco. Para o representante do instituto herculino actualmente non existe outro faro das características do da Coruña, con máis de 2.000 anos de historia, con posibilidades de ser declarado Patrimonio da Humanidade.