O presidente da Xunta de Galicia inaugurou os actos conmemorativos do corenta aniversario da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, inaugurou este martes os actos conmemorativos do corenta aniversario da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, da que foi alumno. A conferencia, titulada ’40 aniversario da apertura da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais: modernización económica, un reto a prol de Galicia’, contou con numeroso público e a presentación do vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín, e a decana da Facultade, Maite Cancelo.
A intervención de Pérez Touriño, que ademais serviu de acto inaugural do curso académico da Facultade, xirou en torno ao papel clave que os economistas galegos xogaron hai corenta anos na administración económica contribuíndo dese xeito ao desenvolvemento do país. Explicou tamén a súa relevancia na época actual de converxencia con Europa.
O programa de actividades de celebración dos corenta anos do centro compostelán inclúe diversas xornadas, conferencias e reunións cos antigos decanos, entre outras.