Ir o contido principal

Preto do 10 por cento de participación nas eleccións estudantís a xuntas de centro

Os estudantes da Universidade de Santiago elixiron o pasado 12 de decembro aos seus representantes nas xuntas de centro, nunhas eleccións que contaron cunha media de participación do 10,6 por cento no caso dos alumnos de primeiro e segundo ciclo e do 7,5 no de terceiro ciclo.
Segundo os datos provisionais e por candidaturas, entre o sector de primeiro e segundo ciclo os CAF acadaron un total de 80 representantes nestas eleccións, sendo a súa maior representación na Facultade de Filoloxía. Xa en de Medicina, a Asemblea Libre de Estudantes de Medicina acadou 52 representantes, o total dos postos do centro. En Xeografía e Historia foi a candidatura Lista Independente ARXEHI a que obtivo maior número de representantes, con 40.
A Asemblea de Estudantes de Esquerda (AEE) acadou representación en tres centros, cun total de 19 representantes, a súa maioría na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro no que o Grupo Estudantil Renovador (GER) conta tamén co seu maior número de representantes dos 12 que acadou, e CIDAD cos seus 12 representantes. Pola súa banda, AGIR conta con 17 postos, a súa maioría na Facultade de Filoloxía.
O resto de agrupacións estudantís con representación son a Asemblea de Estudantes de Filosofía (11), Iesga (9), AID (9), FUNZIONA (8), EXPE (8), Asemblea de Estudantes de Ciencias Políticas (8), Vindeiros (7), AGaEQe (4), APIP (3), Asemblea de Estudantes de Ciencias da Comunicación (2), INBIO (2), CAEF (1), Prologos (1) e Evohé (1). A todos estes hai que sumarlles un total de 140 representantes que non se presentaron baixo as siglas de ningunha asociación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2007.