Ir o contido principal

Preto de 200 especialistas procedentes de 26 países reflexionan na USC sobre os retos da lingüística inglesa

O acto de apertura tivo lugar no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
O acto de apertura tivo lugar no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
O ISLE8 (8th Conference of the International Society for the Linguistics of English) desenvólvese en Compostela do 1 ao 4 de setembro
Santiago de Compostela

A investigación arredor da lingüística inglesa ten esta semana o seu epicentro na USC. Preto de 200 especialistas procedentes de 26 países abordan do 1 ao 4 de setembro o debate interdisciplinario en ámbitos temáticos como a lingüística histórica, sociolingüística, cambio e variación lingüística, variedades do inglés, aspectos fonolóxicos, semánticos, sintácticos e pragmáticos da lingua inglesa, o inglés como lingua franca, o ensino do inglés como lingua estranxeira ou como segunda lingua, e a compilación de corpus computarizados. 

O acto de apertura do ISLE8 (8th Conference of the International Society for the Linguistics of English), presidido polo reitor Antonio López Díaz e quen ten lugar este luns 1 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, conta tamén coas intervencións de María José López Couso, catedrática da USC e vicepresidenta dende 2021 da International Society for the Linguistics of English; Elias J. Feijó Torres, decano de Filoloxía; Susana Doval Suárez, directora do departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá; e Bernd Kortmann, presidente de ISLE e catedrático de Filoloxía Inglesa da Universidade de Freiburg. O resto das sesións teñen lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. 

O foro, organizado polos grupos de investigación do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC, Variation Linguistic Change and Grammaticalization (VLCG) e Spoken English Research Team at the University of Santiago (SPERTUS), ten como lema 'English Linguistics on the Way: Expanding Horizons' (‘A lingüística inglesa en evolución: ampliando horizontes’). O programa inclúe preto de 120 relatorios, catro obradoiros, unha sesión de pósteres e cinco conferencias plenarias impartidas por Bernd Kortmann (Universidade de Freiburg, Alemaña), Alexandra D’Arcy (Universidade de Victoria, Canadá), María del Pilar García Mayo (Universidade do País Vasco), Daniela Landert (Universidade de Heidelberg, Alemaña) e Graeme Trousdale (Universidade de Edimburgo, Reino Unido).

ISLE8 forma parte da serie de congresos que comezou en 2008 na Universidade de Friburgo de Brisgovia (Alemaña) e que tivo a súa continuidade en Boston (EE.UU, 2011), Zurich (Suíza, 2014), Poznan (Polonia, 2016), Londres (Reino Unido, 2018), Joenssu (Finlandia, 2021) e Brisbane (Australia, 2023). Ademais dos congresos da asociación, ISLE organiza foros en liña, premios de investigación (para persoal investigador novel), de divulgación e de ensino. Así mesmo, publica a revista científica English Language and Linguistics(Cambridge University Press), una das publicacións periódicas de maior impacto internacional no ámbito da lingüística. 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.09.2025.