Preto de 200 profesionais da educación daranse cita no segundo Seminario Nacional 'Atención educativa ao alumnado inmigrante. Experiencia e innovación'
Preto de doce mil alumnos foráneos cursan estudos nas escolas galegas o que ten espertado un particular interese dos profesionais da educación e dos investigadores neste eido por desenvolver unha axeitada xestión deste colectivo. Neste contexto, a USC organiza a vindeira semana a segunda edición do Seminario Nacional ‘Atención educativa ao alumnado inmigrante. Experiencia e innovación’, logo do rotundo éxito de convocatoria e participación da edición celebrada en 2007.
A mellora da atención educativa aos inmigrantes converteuse nun dos eidos que máis expectación espertan dentro e fóra das escolas, “por máis que sempre deba asociarse ao esforzo por conseguir elevar os niveis de calidade e equidade a todos os alumnos, independentemente da súa orixe social ou familiar”, sinalan os promotores do encontro. A este respecto tamén engaden que unha “pedagoxía da inclusión” debe coidar de que a familia, a escola e a comunidade colaboren a prol dunha aprendizaxe persoal e compartida capaz de garantir o éxito a todos os estudantes.
O seminario tentará dar continuidade á análise e mesmo á avaliación de enfoques, programas e metodoloxías que veñen informando a renovación curricular e a posta en valor de innovacións que optimicen tanto as oportunidades académicas do alumnado inmigrante como a mellor acomodación das súas familias aos novos contextos de vida social e comunitaria. Esta segunda edición debe supor ademais, segundo os organizadores, a consolidación dun espazo de encontro entre profesionais do ensino e estudosos da inmigración en perspectiva socio-pedagóxica.
O encontro celebrarase entre os días 13 e 15 de novembro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur co patrocinio da Secretaria Xeral de Emigración e a colaboración das direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa e da de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario Galego.