Ir o contido principal

Preto de 7.000 persoas xa visitaron a exposición 'X.M. TOMÉ', primeira antolóxica da súa obra

A mostra continuará aberta ata o 7 de outubro no Colexio de Fonseca

Un total de 6.843 persoas visitaron, dende o pasado 12 de xullo ata o venres 17 de agosto, a exposición ‘X.M. TOMÉ, antolóxica’ que achega a traxectoria artística deste pintor, zamorano de nacemento e compostelán de adopción, marcada pola súa inquedanza, polo seu apaixonamento pola arte e por ir descubrindo nela novas posibilidades, tanto dende un punto de vista técnico coma estético e temático.
Situada no Colexio de Fonseca, a mostra ‘X.M. TOMÉ’ recolle por vez primeira unha exposición antolóxica da súa obra composta por 68 obras de diferentes técnicas, estilos e tamaños que permitirán ver a evolución artística de Xosé Miguel Tomé (1942-2005). Este pintor chega a Santiago en 1960 para cursar estudos de Medicina, destacando axiña polos seus debuxos e comezando así a ser coñecido como pintor. As súas primeiras obras encádranse dentro da estética da neofiguración expresionista, pasando pola etapa máis colorista no comezo dos oitenta e pola abstracción redonda de finais desa mesma época. Os anos noventa marcan a chegada do informalismo, presente nas súas cruces ou nos bosques. Todo isto, marcado por unha evolución en canto a técnica: óleos, acrílicos, debuxos, collages e queimados.
A través desta evolución evidéncianse tamén cales son as fontes de inspiración deste insigne pintor: dende as pinturas negras de Goya a Bacon, pasando pola estética rexionalista de Laxeiro ou o informalismo madrileño de Miralles ou do grupo Dau al Set.
Traxectoria de ToméEn 1971 foi a súa primeira exposición e, entre esa data e 1975, percorrerá Galicia en varias ocasións. Son eses anos de procura dunha estética persoal nos que evoluciona desde uns pequenos debuxos á prumiña de paisaxes e escenas costumistas ata desembarcar nunha figuración neoexpresionista, de carácter tenebrista nos que comeza a tomar forma a súas galerías de personaxes e cabezas solitarios e agrupados. Neses anos traballa tamén con outra serie de obras próxima á temática surrealista, realizadas a partir dunha táboa con materia pictórica á que lle prende lume para, tras apagalo, acabar atopando nas manchas deixadas inesperadas sorpresas.
A inicios da década dos oitenta destaca a aparición de novas cores: azuis, verdes e laranxas, e a mediados desa década comezará a empregar vistosos vernices, no seu empeño persoal de experimentar con novas solucións e, ao mesmo tempo, conservar e evitar a destrución da súa obra. Na segunda metade dos 80 a influencia de Bacon é notoria; progresivamente van desaparecendo as figuras decantándose pola abstracción redonda.
Xa nos 90 vai descompoñendo as formas é substitúe o lenzo tradicional por outros soportes máis alternativos como cartóns ou papeis pintados, e mesmo telas de sacos ou arames, nos que plasma unha estética cubista. Desde finais desa década e ata o seu falecemento en 2005 aproxímase ao informalismo dos anos 50. As experiencias de Miralles ou do grupo Dau al Set son fundamentais para comprender os últimos anos da súa produción.
CatálogoA exposición acompáñase dun completo catálogo que compendia a vida e obra de Xosé Tomé, elaborado grazas á colaboración entre a USC e Caixanova, que recentemente asinaron un convenio para a catalogación completa da súa obra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.08.2007.