Preto de catrocentas persoas asistirán en Lugo a unhas xornadas sobre os coidados aos pacientes en estado crítico
Preto de catrocentas persoas, principalmente alumnos e profesores da Escola de Enfermaría e enfermeiros asistenciais, asistirán á décimo quinta edición das Xornadas de Enfermaría, nas que se debaterá sobre os coidados aos pacientes en estado crítico ao tempo que se presentan experiencias, coñecementos e tecnoloxías co fin de mellorar a calidade do coidado ofrecido a estas persoas, para que tanto eles como as súas familias queden satisfeitos coa atención prestada.
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas; o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior da USC, Jesús Casabiell; a directora da Escola de Enfermaría de Lugo, María Asunción Núñez; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; a concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luísa Zarzuela; e o presidente do Colexio Profesional de Enfermaría, Miguel Fernández, inaugurarán este encontro este xoves ás 18:30 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria.
As xornadas, organizadas conxuntamente pola escola universitaria e o Colexio Profesional de Enfermaría de Lugo, inclúen unha serie de comunicacións e catro mesas redondas, nas que participarán unha vintena de profesionais da sanidade que desenvolven o seu traballo en diferentes centros hospitalarios ou institucións de España e Portugal. Os relatorios comezan ás 9:00 horas deste xoves e manteranse ata as 19:00 horas do venres.