Preto dun centenar de universitarios de todo o mundo participan en Santiago nunha escola internacional de Matemáticas

A Facultade de Matemáticas da USC é o punto de encontro, entre os días 17 e 28 de setembro, de preto dun cento de universitarios de todo o mundo que participan nunha escola internacional sobre problemas variacionais definidos por funcionais da enerxía da curvatura.
A inauguración do encontro tivo lugar este luns nun acto ao que asistiron o decano da Facultade de Matemáticas, Juan M. Viaño Rey; o director do Instituto de Matemáticas da USC, Juan J. Nieto Roig; o director do Departamento de Xeometría e Topoloxía, Xosé M. Masa Vázquez; e os profesores Oscar J. Garay e Eduardo García Río, membros dos comités científico e organizador, respectivamente.
A escola ‘Curvature and variational modelling in physics and biophysics’, dirixida a novos investigadores de diferentes disciplinas, conta entre o seu claustro de docentes con especialistas de universidades españolas, irlandesas, alemás e estadounidenses.
A primeira semana dedicarase ás aplicacións á Física e a segunda centrarase na Biofísica. Os resultados teóricos contrastaranse cos resultados experimentais obtidos nos laboratorios para introducir modificacións na enerxía en orde de obter unha mellor descrición e modelización dos fenómenos de adherencia e contacto de vesículas con superficies ríxidas (wetting), polímeros, cristais líquidos, cordas elásticas e DNA.