Preto de medio millar de talentos matemáticos de toda España participan nunha competición na USC
Os oito equipos autonómicos que compoñen o proxecto Estalmat para Estímulo do Talento Matemático en España participarán este sábado 19 na Facultade de Matemáticas da USC na actividade ‘Matemáticas ao Sprint’. Durante tres horas, a partir das 10:30 horas, os cincuenta talentos matemáticos que integran cada equipo competirán en rede resolvendo problemas, con tempos programados para cada un deles.
En Santiago vanse dar cita rapaces de entre 12 e 13 anos procedentes de Andalucía, Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, Madrid e Valencia. A proba foi preparada polos diferentes responsables dos proxectos autonómicos Estalmat que propuxeron os problemas, os tempos de resolución e as súas valoracións.
Na facultade compostelán encargaranse do desenvolvemento da proba os profesores Jesús Calvo, Mercedes Feijoo, María Jesús Pasarín e Víctor Pollán, coordinador polo presidente do Comité Organizador de Estalmat-Galicia, Juan Viaño Rey.
ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e do CSIC. Xa no caso particular de ESTALMAT-Galicia, trátase dunha iniciativa pilotada pola Facultade de Matemáticas da USC, que ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico das deputacións da Coruña e Lugo. Polo volume da súa achega destaca o patrocinio da Fundación Vodafone-España, institución autónoma sen ánimo de lucro dedicada á investigación e ao desenvolvemento no ámbito das comunicación por móbiles e promovendo as aplicacións das TIC co fin de mellorar as condiciones de vida y de integración de grupos sociais diversos.
Para acadar mais información, as persoas interesadas poden visitar a web do proxecto : http://www.estalmatgalicia.com/