Ir o contido principal

Preto dun milleiro de estudantes internacionais participan nunha xornada de presentación da oferta de mestrado da USC

Imaxe de arquivo da Facultade de Filoloxía da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo da Facultade de Filoloxía da USC. FOTO: Santi Alvite
Ata o 22 de febreiro, alumnado dunha vintena de países coñecen a través dun seminario en liña as particularidades de medio cento de mestrados que ofertará o vindeiro curso a USC
Santiago de Compostela

Preto dun milleiro de estudantes internacionais rexistráronse nun evento informativo en liña no que a USC presenta a súa oferta académica de mestrado. Organizado pola Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional a través do seu Servizo de Captación Internacional, na xornada participan ata o próximo 22 de febreiro alumnado procedente de Arxentina, Colombia, México, Venezuela, Salvador, Uruguai, Paraguai, Panamá, Estados Unidos, Honduras, Guatemala, Ecuador, Haití, República Dominicana, Cuba, Chile, Brasil, Bolivia e Perú.

“A sesión informativa de presentación da oferta académica de mestrados oficiais tivo unha excelente acollida cun alto índice de inscrición de alumnado internacional, con preto de 850 estudantes potenciais procedentes de 19 países”, salientou a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso. “O éxito desta iniciativa radica nunha intensa campaña de márketing coordinada, deseñada e implementada polo recentemente creado Servizo de Captación Internacional. A promoción estivo baseada na combinación de políticas de atracción de talento coas últimas tendencias de márketing dixital nun proceso internacional de difusión horizontal reputacional ”, engadiu López Couso.

O programa deste seminario en liña que presentou a propia vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, achega información xeral da USC e sobre o proceso de matrícula, así como sobre os requirimentos ou duración dos programas. A continuación participaron as persoas encargadas da coordinación dos mestrados  expoñendo cada un dos seus programas.  

Nesta xornada de “portas abertas internacionais” preséntanse os detalles de 50 programas de mestrado oficial, agrupados diariamente por cada unha das áreas académicas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde,  Ciencias e Enxeñarías)  cunha presentación específica para cada mestrado e unha sesión de preguntas e respostas onde o futuro estudantado da USC pode interactuar con coordinadores/as  e resolver as súas dubidas tanto dende o punto de vista académico como administrativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2022.