Ir o contido principal

Preto dunha vintena de estudantes da USC, seleccionados no ránking 2021 da Sociedade Española de Excelencia Académica

As persoas interesadas en aparecer nesta clasificación deben finalizar os seus estudos cunha nota media superior a 8. FOTO: Santi Alvite
As persoas interesadas en aparecer nesta clasificación deben finalizar os seus estudos cunha nota media superior a 8. FOTO: Santi Alvite
Irea Mosquera Lois é primeira en Química, Iván Gómez Álvarez resultou segundo en Veterinaria, mentres que Joaquín Vila García logrou o terceiro chanzo en Medicina
Lugo, Santiago de Compostela

A Sociedade Española de Excelencia Académica (Sedea) seleccionou a dezasete estudantes da USC na súa clasificación estatal correspondente a 2021. Ademais, tres deles sitúanse entre os tres primeiros postos das súas respectivas titulacións. Así, Irea Mosquera Lois ocupa o primeiro chanzo en Química, dun total de 25 posicións; Iván Gómez Álvarez é segundo en Veterinaria, dun total de 10 postos; mentres que Joaquín Vila García é terceiro en Medicina, nunha clasificación que abrangue 40 posicións.

O resto de persoas seleccionadas por parte da USC foron Francisco Javier Cardama Santiago (posto 20 dun total de 70 chanzos en Enxeñaría Informática), Álvaro Goldar Dieste (posición 9 de 70, tamén en Enxeñaría Informática), Matías Rodríguez Rodríguez (posto 47 de 60 en Dereito),  Andrea Rodríguez García (chanzo 39 de 40 en Psicoloxía), Álvaro Muñiz Brea (posto 4 de 15 en Matemáticas), Antía Fernández López (chanzo 12 de 45 en Mestre/a en Educación Primaria), Marcos Álvarez Espiño (posición 15 dun total de 60 en Administración e Dirección de Empresas), David Alonso Prol (21 de 35 en Economía e Empresa), Nerea Abalde González (26 de 40 en Psicoloxía), Nerea Romero Díaz (6 de 30 en Enxeñaría Civil e Obras Públicas), Silvia Gómez Anca (13 de 40 en Medicina), Juan Manuel Prieto Arosa (7 de 30 en Xornalismo), Raquel Díaz Argueso (35 de 60 en Dereito) e Raquel Lorenzo Alonso (11 de 35 en Economía e Empresa). O número de candidatos seleccionados de cada titulación correspóndese aproximadamente co 1-2% de egresados anualmente en cada unha delas.

Metodoloxía

As persoas interesadas en aparecer nesta clasificación deben finalizar os seus estudos cunha nota media superior a 8 (ou superior a 7 para Enxeñarías e Arquitectura). Ademais, teñen que rexistrarse na web de Sedea e achegar o seu expediente académico, currículo e acreditar os méritos (bolsas, premios, cursos, idiomas, congresos, formación complementaria, liderado ou acción social). As candidaturas son valoradas polo Comité de Avaliación Sedea coa colaboración de recoñecidos expertos.

Sedea é unha entidade de ámbito estatal cuxa misión principal é identificar e acreditar os mellores graduados de España, poñéndoos en valor e contribuíndo dende múltiples enfoques ao seu éxito laboral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2021.