A prevención de riscos laborais, un dos alicerces para acadar a calidade na actividade universitaria
A Universidade de Santiago asenta a súa política de prevención de riscos laborais en catro principios básicos: o valor das persoas como eixe central; a integración da xestión preventiva na actividade cotiá; a participación e a consideración da prevención como requisito “imprescindible” para acadar a calidade na actividade académica. Así se recolle na modificación da Política de Prevención de Riscos da USC aprobada recentemente no Consello de Goberno. O documento inclúe, así mesmo, unha serie de eixes de actuación para garantir un “nivel elevado” na seguridade, benestar e saúde de toda a comunidade universitaria, promovendo a mellora das condicións nas que se desenvolven as actividades laborais, docentes, de estudo e investigación. Así, entre os obxectivos expostos recóllese a garantía da participación do persoal docente, investigador e de administración e servizos en todo o que poida afectar á seguridade e saúde no traballo. Na mesma liña, asúmese o compromiso de promover a integración das entidades externas que prestan servizos nas instalacións da USC na responsabilidade activa de mellora das condicións de traballo. Outro dos aspectos que se destaca é a difusión e divulgación das políticas de prevención entre toda a comunidade universitaria, fomentando a cultura protectora. Na mesma liña, a consideración do coñecemento da capacidade profesional dos traballadores en materia de saúde e seguridade para a asignación de traballos e elección de substancias, equipos e métodos de traballo, é outro dos fins que se recollen neste documento. Todos estes principios levan tamén a aplicación e actualización do Plan de Prevención de Riscos Laborais e o mantemento dun modelo de xestión destinado á mellora continua da xestión e desempeño da seguridade e saúde.