A primavera comezará na madrugada do domingo ás 5.30 horas

Na noite do sábado 19 ao domingo 20, ás 5.30 horas, comezará a primavera no hemisferio boreal. Cunha duración de 92,75 días, prolongarase ata as 0.34 horas do día 21 de xuño. A primeira lúa chea desta estación producirase o día 23, polo que o domingo seguinte, o día 27, será o domingo de Pascua.
Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, de entre os diferentes fenómenos astronómicos previstos nos vindeiros tres meses, “sen dúbida o mais salientable será o tránsito do planeta Mercurio por diante do disco solar que poderá ser observado o día 9 de maio dende as 13.12 horas ás 20.42 horas”. Para a súa observación, o director do Observatorio da USC recomenda seguir as mesmas pautas de protección ocular que para as eclipses de sol, “o mellor é seguir o tránsito proxectando a imaxe do astro rei sobre unha pantalla ou ben utilizar os filtros protectores especiais das eclipses”, puntualiza a maiores José Ángel Docobo.
Os tránsitos de Mercurio non son tan inusuais coma os de Venus, pero aínda así adoitan producirse só uns 13 por século, explica o profesor Docobo. O último foi en 2006 e o seguinte terá lugar en 2019. Existe un rexistro histórico en Galicia do tránsito de Mercurio do 14 de novembro de 1953 que realizaran simultaneamente, dende Santiago, Ramón María Aller xunto con José Lois Estévez. En Lalín observou os contactos Antonia Ferrín Moreiras, en tanto que na Estrada fixo o propio outro colaborador do padre Aller, Serafín Pazo Carracedo.
As choivas de estrelas fugaces típicas desta estación son as Líridas, cun máximo o 22 de abril e as Eta-Acuáridas do 5 de maio. Polo demais, o director do Observatorios da USC considera que esta primavera proporcionará boas ocasións para a observación dos dous mais importantes planetas do sistema solar, Xúpiter e Saturno, así como tamén Marte. Haberá, así mesmo, dúas interesantes conxuncións Lúa-Xúpiter, logo do solpor, os días 15 de maio e 11 de xuño.
Meteoroloxía
Dende o punto de vista meteorolóxico, José Ángel Docobo destaca o volume de precipitacións rexistrados no inverno que agora remata. Foi un dos “invernos máis chuviosos dos últimos 30 anos cun total de 873 litros/m2 en 70 xornadas con precipitación”.
Concretamente é o quinto en total de chuvia recollida e o terceiro en número de días nos que se produciron precipitacións. No inverno de 2000-2001 recolléronse 1.446 l/m2 en 68 días; no de 2013-2014 foran 1.264 litros/m2 en 76 días; mentres que en 2009-2010 o rexistro foi de 1.092 l/m2 en 65 días; e no de 1995-1996, 976 l/m2 en 68 días. Pola contra, os invernos de 1991-1992 e 1992-1993 foran o mais secos deste período con só 242 l/m2 en 20 xornadas, o primeiro, e 211 l/m2 e 24 días o segundo.