Ir o contido principal

Primeira sesión ordinaria do Consello de Goberno no curso 2023-2024

A xuntanza desenvolveuse no Colexio de San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no Colexio de San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Entre outras cuestións, abordouse o regulamento de selección de profesorado da USC que de xeito transitorio regulará os procedementos para a selección de docentes
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno desenvolveu este mércores a súa primeira xuntanza ordinaria do curso, na que se aprobou o regulamento de selección de profesorado da USC. O texto nace coa pretensión de regular de xeito transitorio —ata o pleno desenvolvemento normativo derivado da nova Lei orgánica do Sistema Universitario— os procedementos para a selección de profesorado na USC. Así, refunde nun único texto os dous regulamentos ata o de agora vixentes (o de selección de profesorado con vinculación permanente e o de non permanente), incorpora as novidades introducidas pola  Lei orgánica e o real decreto no que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e, ao tempo, regula algúns aspectos non considerados nos textos anteriores, como o da utilización de medios telemáticos no desenvolvemento dos concursos. Ademais introduce diversas modificacións co fin de clarificar e de dotar de maior precisión os baremos para así orientar a selección dos méritos por parte das persoas aspirantes e simplificar e harmonizar as valoracións das comisións de selección.

En materia de PDI, o Consello tamén aprobou unha nova convocatoria de prazas de profesorado permanente así como un cambio de dedicación, o acordo polo que se recoñece o interese para a USC da realización, por parte de persoal universitario, de actividade de investigación na GAIN e a adscrición de persoal investigador á USC no marco do programa Oportunius. Tamén se aprobaron a proposta de avaliación da actividade investigadora (sexenios) de profesorado contratado correspondente á convocatoria 2021 e a proposta de asignación de complementos retributivos autonómicos. A aprobación da modificación do regulamento de mobilidade do Persoal de Administración e Servizos (PAS) Funcionario foi outra das cuestións tratadas polo órgano colexiado.

Titulacións

No capítulo de titulacións, a xuntanza abordou a convocatoria anual de tramitación de titulacións. O documento fai referencia ás modificacións non substanciais de memorias de graos, mestrados universitarios e programas de doutoramento de implantación no curso 2024-2025; así como ás novas propostas e modificacións substanciais de memorias, graos, mestrados universitarios e programas de doutoramento de implantación no curso 2025-2026. Ademais, o Consello aprobou as memorias dos mestrados propios en Dirección e Xestión do Comercio Exterior e en Ciberseguridade e Ciberdefensa; xunto coa proposta de modificación de tarifas de títulos propios

Cátedras

No ano que se cumpre o centenario do Seminario de Estudos Galegos, a USC dá un novo paso na creación de cátedras institucionais que estuden a obra académica de ilustres autores da literatura galega. Neste senso, A Cátedra Rosalía de Castro, cuxa creación foi aprobada este mércores 11, dedicarase ao estudo académico e crítico da obra e da figura da escritora nas súas múltiples dimensións, buscando reforzar a súa proxección e coñecemento tanto no ámbito galego e peninsular como internacional. A intención de promover achegas sobre a autora dende perspectivas e paradigmas renovadores será unha prioridade, pero sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos. A Cátedra é froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Sinerxías

O Consello de Goberno tamén deu luz verde á participación da USC na asociación Innodia (plataforma autosustentable para mellorar e acelerar o desenvolvemento da cura da Diabetes 1), na SOHA-Spanish Open Hardware Alliance (alianza que ten como ámbito de actuación as tecnoloxías e as arquitecturas de computadores que se comparten de forma pública, en aberto, para facilitar a terceiros a súa reutilización, adaptación ou mellora) e na plataforma One Health (alianza para mellorar a saúde da poboación cara a abordaxe dun enfoque integral).

Outros asuntos

A xuntanza tamén tratou a modificación do Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Ciencias, o regulamento de TFG do grao en Empresa e Tecnoloxía, asuntos económicos e convenios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.10.2023.