O primeiro congreso internacional de Medicina e Cirurxía rematará cunha sesión sobre reumatoloxía e cine
O congreso internacional de Medicina e Cirurxía da USC (CIMQ’16) afronta este mércores 16 a súa terceira e derradeira sesión cunha xornada na que se proxectará o documental ProjectMad, unha obra de Famor Botero, que relata a experiencia de María como enferma de artrite reumatoide dende nena ata a idade adulta. Nesta sesión, a partir das 17.00 horas na Facultade de Medicina proxectarase a obra e poderase manter un diálogo tanto co director como coa protagonista Mª Luisa Miller.
O programa do congreso previsto para este mércores comezará ás 10.00 horas con dúas intervencións sobre a importancia da patoloxía xeral na formación dos/as profesionais da Medicina e sobre posibles aplicacións da nanotecnoloxía nas ciencias da saúde. Para completar a sesión matinal celebrarase unha mesa sobre traumatoloxía e cirurxía ortopédica. Entre as 14.00 horas e as 17.00 horas celebraranse dous obradoiros sobre casos clínicos e un simulacro de casos avanzados.
Dedicados aos novos avances en Medicina, CIMP’16 é unha iniciativa promovida pola asociación MEIGA (MEdicina Intercambios Galicia) que conta coa participación de máis de 250 congresistas e máis de medio cento de expertos tanto de Galicia e España como de Canadá, Suecia e Portugal que acoden a cita en calidade de colaboradores.