Ir o contido principal

O primeiro congreso internacional de Medicina e Cirurxía da USC reúne a especialistas e alumnado para coñecer os avances da especialidade

O primeiro congreso internacional de Medicina e Cirurxía da USC reúne a especialistas e alumnado para coñecer os avances da especialidade
O primeiro congreso internacional de Medicina e Cirurxía da USC reúne a especialistas e alumnado para coñecer os avances da especialidade

Novos avances en Medicina é o lema do primeiro congreso internacional de Medicina e Cirurxía da USC (CIMQ’16) que organiza a asociación MEIGA (MEdicina Intercambios Galicia). O programa deste encontro internacional que se vai celebrar entre os días 14 e 16 na Facultade de Medicina presentouno o presidente da asociación Xavier Branco; o decano do centro, Juan Gestal, na Sala de Graos da Facultade; e as representantes de MEIGA Ana Bello e Anna Katoula.

O encontro, no que participarán máis de medio centenar de destacados investigadores tanto de Galicia e España como de Canadá, Suecia e Portugal que acoden a cita en calidade de colaboradores, permitirá achegar os participantes aos novos achados e técnicas no campo da medicina, así como promover o diálogo e o intercambio de experiencias e aprender de novas ideas que axuden a abordar os retos do futuro. Como explicou Xavier Branco, este congreso toma o relevo do Congreso Ibérico de Medicina e Cirurxía (CIBEME) celebrado hai un ano, coa vontade de ser un “espazo para o pensamento crítico”. O seu desenvolvemento posibilita o intercambio de coñecemento e experiencias entre docentes, profesionais e estudantes da Península Ibérica e outros países, achegar comunidades médicas de distintos países e serve de plataforma de presentación dos traballos de investigación de estudantes ante un público interesado. En total, participarán máis de 250 congresistas.

No panel de conferenciantes que compón o programa figuran destacados profesionais como o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS e ex presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, J. Ramón Juanatey; o neurocirurxián Andrés Lozano; o catedrático Ángel Carracedo; ou o presidente da International Stress Management Association e director da División de Investigación de Estres do Instituto Karolinska, Lennart Levi, entre moitos outros. A súa presenza permitirá abordar temas de vangardia sobre hemodinámica, cirurxía cardiovascular e técnicas de imaxe, así como coñecer os últimos avances na ciencia do cancro, a medicina forense e as enfermidades renais raras, entre outros.

O programa tamén inclúe intervencións que abordan cuestións relacionadas coa farmacoloxía a través da revisión do proceso de síntese, avaliación e comercialización dun fármaco ou a estimulación cerebral profunda no tratamento das enfermidades do comportamento e da memoria. Mención especial terán tamén as novas tecnoloxías con intervencións sobre a cirurxía robótica para o tratamento do cancro, as últimas técnicas de microfluídica aplicada o estudo de células, os últimos avances en traumatoloxía e as súas aplicacións para a mellora da calidade de vida do paciente ancián ou o traballo con sistemas robóticos na simulación de coidados intensivos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2016.