Ir o contido principal

O primeiro Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais impulsado pola Facultade de Ciencias arranca mañá cun cento de participantes

A Facultade de Ciencias da USC acollerá do 20 ao 22 de outubro o primeiro Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais. Esta reunión achegará a Lugo arredor dun cento de profesionais relacionados coa materia dende diversos sectores e procedentes de todo o territorio español. A Facultade pretende que este Congreso se converta no marco máis axeitado para debater con rigor científico, achegar posicións e compartir coñecementos sobre o mundo da prevención e a saúde medioambiental.

O encontro será inaugurado este mércores 20 ás 10:00 horas coa presenza da conselleira de Traballo, Beatriz Mato Otero, o deputado de Infraestruturas da Deputación de Lugo, Manuel Martínez, e o alcalde de Lugo, José López Orozco. Como anfitrións estarán presentes o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga López, tamén presidente do Comité Organizador do Congreso. Dende o ámbito da Prevención tamén asistirán ó acto de apertura o presidente da Sociedade Española de Medicina e Seguridade no Traballo, Francisco Fornes Úbeda, e o presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, Carlos Quintas Fernández.

Este congreso é o primeiro que se impulsa dende a Facultade de Ciencias, un centro que apostou firmemente pola prevención de riscos laborais dende os seus inicios cun máster propio, e posteriormente co primeiro Máster Oficial en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental do sistema universitario galego, que finalizará neste ano a súa terceira promoción.

Francisco Fraga destaca que este encontro servirá para o coñecemento profundo da situación dentro do mundo da prevención e a saúde medioambiental. Así, o programa trata dun xeito exhaustivo todos os aspectos que hai dentro deste ámbito, como son a toxicoloxía ou a hixiene, as acreditacións, ou a responsabilidade penal nesta área. O presidente do comité organizador incide neste senso na necesidade de que a prevención de riscos sexa unha materia que debería estar presente en todos os sectores de actividade, obxectivo para o que resta aínda moito camiño por andar.

Primeira xornada
Despois da apertura, será a conselleira de Traballo quen inicie a quenda de conferencias cunha intervención baixo o título ‘A Prevención de Riscos Laborais e a Responsabilidade Social Empresarial’. Posteriormente, Pedro Arezes, profesor asociado da Universidade do Miño falará, dende unha visión práctica, sobre os métodos de avaliación de riscos en ergonomía. A continuación organizarase unha mesa redonda sobre hixiene industrial inversa como modelo emerxente para a prevención de riscos hixiénicos nas empresas.

Na sesión da tarde Amparo Osca Segovia, profesora da Uned, tratará os riscos psicosociais da accidentalidade laboral, antes de que os participantes asistan a unha nova mesa de debate que dará continuidade ao tema da xestión do risco psicosocial. Posteriormente, o profesor Juan Carlos López López, da Politécnica de Cataluña, abordará a cuestión normativa, cunha charla sobre a aplicación da norma básica de autoprotección nas comunidades autónomas. A última mesa de debate da xornada centrarase seguridade contra incendios e plans de autoprotección.

A Facultade de Ciencias conta coa estreita implicación da consellería de Traballo, a dirección xeral de Relacións Laborais e o ISGA para o desenvolvemento deste Congreso Internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2010.